Xosé A. Touriñán
Xosé A. Touriñán desenvolveu unha carreira diversa e sólida no audiovisual e nas artes escénicas galegas ao longo de máis de dúas décadas. Iniciou no mundo da comedia co dúo ‘Os dous de sempre’ en 2002 e en 2005 alcanzou gran popularidade na Televisión de Galicia coas ‘Cantareiras de Ardebullo’ no programa Luar. Desde entón, participou en series e programas como Padre Casares, Land Rober, Tourilandia, Era Visto! ou Catro Gatos.
Deu vida a personaxes como Sabonis en Cuñados e +Cuñados, Jose en Amigos hasta la muerte, ou Manuel Fraga na serie La Canción (2025). Tamén interpretou distintos personaxes en series como Fariña, Pequeñas coincidencias, El desorden que dejas, Sin límites, Atasco, Clanes e, máis recentemente, en Na Gloria e no filme Rondallas (2026).
No teatro, destacou co éxito de Somos Criminais (2018), Somos Criminais 3 (2021-2023) e Somos Criminais e punto final (2024-2025), xunto a Carlos Blanco, que reuniu máis de 125.000 espectadores nos teatros galegos.
Entre os seus proxectos recentes, tamén se inclúen Corentena e Corentena · Game Over, o primeiro videoxogo-espectáculo, unha proposta chea de desafíos, personaxes inesperados e seres estranos. Ademais, o seu monólogo máis persoal, Aquí Tou! continuou xirando polo país e comeza agora o seu percorrido estatal, ofrecendo unha reflexión divertida e próxima sobre os momentos que marcaron o seu camiño vital.
Tamén desempeñou un papel clave como produtor e actor en proxectos como Fariña (2019) e Recortes, caneos e outras formas de driblar(2022).
Como director, estreou a curta Nena (2022), unha historia rodada coa colaboración de amigos e familiares, que xa acumulou máis de 50 recoñecementos e seleccións en festivais nacionais e internacionais.
No ámbito da produción, Touriñán apostou polo apoio á creación infantil e á tradición galega. Foi produtor executivo de Bibopalula, tanto da serie para Xabarín.gal como da súa versión teatral, e de Ao son da nova regueifa, un documental que percorre Galicia recollendo as testemuñas do relevo xeracional da regueifa.
Ademais, é director do Castelo Conta, festival que celebra cada verán na súa aldea, Castelo, e que combina comedia, música, tradición oral e cultura rural, consolidándose como unha cita destacada do calendario cultural galego.
Actualmente, está en xira coa segunda tempada de Amoriños, xunto a David Perdomo, un espectáculo de citas tolas que explora o sentimento máis universal – e tamén o máis perigoso – o amor.
